domingo, 17 de maio de 2020

Día das Letras Galegas: "En galego falo, en galego sinto..."


    Este ano imos a celebrar o Día das letras Galegas dunha forma un chisco especial, xa que fixemos un poemario galego entre todos/as, recitando pequenos versos das obras de escritoras e escritores galegos como Rosalía de Castro, Manuel María, Curros Enríquez, máis tamén do autor homenaxeado este ano Ricardo Carvalho Calero.
    
    Aquí vos deixo o noso Gran poemario Galego, sen vós, non sería posible. Grazas! Feliz Día das Letras Galegas!



venres, 15 de maio de 2020

Día da Familia: 15 de maio


    O 15 de Maio celébrase o Día das familias e...as abelliñas non podíamos faltar a esta data, porque tratamos moitas veces este tema na clase e xa sabemos que...hai familias dun pai e unha nai, de dúas nais, de dous pais, só dun pai ou dunha nai, tamén hainas de tres ou catro membros e aqueloutras nas que os avós e avoas, son parte fundamental do día a día. Por todo isto, hoxe quixemos celebrar o seu día debuxando as nosas familias e creando para elas unhas flores un chisco atípicas.
    Unha vez máis e...desta vez, dunha forma moi especial, quixeramos darlles as grazas aos papás, mamás, avós, irmáns...que nos axudaron neste proceso e nos axudan, todos os días, a medrar felices ao seu carón.



xoves, 23 de abril de 2020

Día do Libro: Hoxe escribimos nós!


    Hoxe celebramos o Día do Libro e que mellor maneira de facelo que...deixando voar a nosa imaxinación e convertirnos en grandes escritoras e escritores por un día. Así pois, inventamos as nosas propias historias e démoslles un formato un pouco especial, xa que compuxemos con varios hexágonos unha rosa, a flor máis característica destas datas.
      En todo este proceso, tamén foron parte fundamental as familias, polo que vos agradecemos moito o tempo que dedicastedes a motivarnos para que as nosas historias quedasen aínda máis fermosas. Sen vós, non sería posible. Grazas!




venres, 13 de marzo de 2020

Este é o Universo que nos rodea


    Este trimestre estivemos a investigar, coa axuda das familias, todo o relacionado co Universo, ese gran espazo apenas coñecido.
    No seguinte vídeo, podedes ver unha pequena mostra de todas as actividades que fixemos, comezando coas notas para as familias escritas por nós, nas cales fumos concretando a temática sobre a cal queriamos aprender, mais isto non quedou aquí, posto que dos contos e de toda a información que trouxemos á aula, fumos collendo a que consideramos esencial, aprendendo a centrarnos na fundamental, por medio de debuxos ou ben lendo pequenas palabras ou frases, os maiores.
    Os temas sobre os cales investigamos foron os cohetes, xa que construimos o noso propio e mesmo o fixemos voar; os planetas, elaborando o Sistema Solar, profundizando no nome dos planetas, na súa orde, nas súas características máis salientables, nos movementos que fan ao redor do sol, de onde xurde a noite e o día no noso planeta Terra; estrelas, concretando os seus nomes e a súa forma, xa que cosimos as nosas propias constelacións e "atrapamos" a nosa galaxia nun bote que trouxemos da casa.
    Este foi un proxecto co cal non puidemos continuar debido á situación de emerxencia sanitaria que vivimos polo COVID-19, xa que non tiñamos todos os materiais que precisamos para seguir a investigar como nos gustaría.


venres, 6 de marzo de 2020

8M: Día da Muller traballadora


  Hoxe, celebramos o día da muller traballadora no cole con disversas actividades.
    Unha delas foi un teatro de sombras María a Pirata, da man de Luis, o noso guía na excursión de Cortegada, o cal recoñeceron moi rapidamente os nenos e nenas de 5 anos, sen dúbida deixou neles unha gran pegada, xa que cando o coñeceron tiñan 3 aniños.


    Outra das actividades que realizamos foi un xogo na PDI, na que tiñamos que ubicar distintos elementos, os cales simbolizaban oficios, xogos... en tres columnas, segundo se traten de algo "típico" de homes, de mulleres ou de ambos.


   Logo levamos este xogo ao papel, xa que tiñamos que sacar dun bote diversas imaxes similares ás da PDI e debuxar nun A3 se o soen facer os homes, as mulleres ou os dous.


   Desta forma, comprobamos como todos eses traballos, xoguetes, deportes... o podiamos facer tanto homes como mulleres.
    Finalmente, inventamos unha historia empregando os cubos tránslucidos, na cal a protagonista sería unha muller e tentamos romper certos mitos existentes sempre nos contos, princesas que precisan dun príncipe, os cabaleiros son os únicos valentes, etc.
   

venres, 21 de febreiro de 2020

O ENTROIDO xa está aquí!


    Un ano máis, celebramos o Entroido temático no cole, esta vez, relacionado coa conservación do Medio ambiente, xa que temos sempre moi presente o noso proxecto da Bizoecoloxía.
    Para isto, estivemos uns días investigando na rede sobre posibles disfraces, para ter unha idea e logo elixir entre diversas propostas, dándolle certa unidade á clase, para que houbese certa similitude e ao mesmo tempo cada un co seu toque persoal, mais tentando usar sempre materiais de refugallo.
    Así pois, este foi o resultado, no cal se viu á gran implicación das familias, polo que vos damos as grazas polo voso esforzo para facer deste, un gran día.